Flash mob
Un flashmob, traducido literalmente do inglés como «multitude relámpago» (flash: ‘brillo, refacho’; mob: ‘multitude’) é unha acción organizada na que un gran grupo de persoas se reúne de súpeto nun lugar público, realiza algo infrecuente e logo se dispersa rapidamente. Por tanto, unha tradución válida, non literal, do termo sería «acto multitudinario relámpago». Adoitan convocarse a través dos medios informáticos (móbiles ou celulares, e Internet) e na maior parte dos casos, non teñen ningún fin máis que o entretemento, pero poden convocarse tamén con fíns políticos ou reivindicativos.
Unha das particularidades destas «tribos temporais» é que non requiren contar co apoio dos medios de comunicación de masas para comunicarse, coordinarse e actuar de maneira conxunta, xa que a súa comunicación funciona a través de redes sociais virtuais. Trátase de individuos que, apoiados polas tecnoloxías de comunicación, difunden mensaxes ás súas redes sociais de amigos e coñecidos, os cales fan o mesmo ata construír unha gran cadea de comunicación que é capaz de mobilizar milleiros de persoas.
Recentemente, a actividade foi utilizada como parte de campañas publicitarias de diversos produtos, programando a reunión nalgún sitio público pero coa participación de bailaríns e artistas que simulan un flashmob tradicional pero incluíndo aspectos da marca que se promove.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Flash mob |